INFORMACIÓN BÁSICA SOBRE O COVID-19

O Coronavirus SARS-CoV-2 é un novo tipo de coronavirus que pode afectar ás persoas causándolles a enfermidade COVID-19.

O período de incubación varía entre 2 e 14 días. Parece que a transmisión é por contacto estreito coas secrecións respiratorias que se xeran coa tose ou o esbirro dunha persoa enferma. Estas secrecións infectarían a outra persoa se entran en contacto co seu nariz, os seus ollos ou a súa boca. Parece pouco probable a transmisión polo aire a distancias maiores de 1-2 metros.

Actualmente asúmese que a transmisión do virus comeza 1-2 días antes do inicio de síntomas (fundamentalmente febre ou síntomas respiratorios).

 

Os síntomas máis comúns son febre, tose e sensación de falta de aire. A maioría dos casos presentan síntomas leves e pode haber persoas que non presenten síntomas.

En casos máis graves a infección pode causar pneumonía, dificultade importante para respirar, fallo renal e mesmo o falecemento.

Os principais grupos vulnerables son as persoas con diabetes, enfermidade cardiovascular, incluída hipertensión, enfermidade pulmonar crónica, inmunodeficiencia, cancro en fase de tratamento activo, embarazo e maiores de 60 anos.

O maior risco de contaxio céntrase no persoal sanitario asistencial e non asistencial que atende un caso confirmado ou en investigación con síntomas, sempre que se dea o contacto estreito.

 

En xeral débense considerar de maior risco aquelas profesións nas que se poida producir un contacto estreito con persoas infectadas.

En tanto non exista un tratamento eficaz, a mellor maneira de previr a enfermidade é evitar o contacto entre persoas e cumprir coas medidas de hixiene e limpeza, sempre apelando á responsabilidade individual e colectiva para evitar a transmisión en todas as medidas preventivas que se adopten.

A OMS declarou o pasado 30 de xaneiro a situación de “emerxencia de saúde pública de importancia internacional”. Posteriormente, o 11 de marzo de 2020 declarou o COVID-19 como pandemia a nivel mundial.

 

 

En España, o 14 de marzo de 2020, o Consello de Ministros aprobou o Real Decreto 463/2020 polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, sendo publicado o mesmo día no Boletín Oficial do Estado e entrando en vigor no devandito momento.

En base a esta información e ás recomendacións da autoridade sanitaria elabórase esta guía de recomendacións preventivas que ten como finalidade dar pautas para garantir a saúde laboral das persoas traballadoras no reinicio da actividade empresarial e industrial.

 

MEDIDAS PREVIAS AO INICIO DA ACTIVIDADE

Antes de ir ao traballo deberase ter en conta o seguinte:

› As persoas que presenten FEBRE (>37ºC) OU SÍNTOMAS RESPIRATORIOS deben quedar no seu domicilio e contactar cos servizos de saúde telefonicamente chamando ao teléfono 900 400 116.

› As que estiveron en CONTACTO ESTREITO, entendido como máis de 15 minutos a distancias inferiores a 2 metros, cunha persoa enferma tampouco deben ir traballar, incluso en ausencia de síntomas por un espazo mínimo de 14 días. Débese estar alerta por se aparecen síntomas desta enfermidade.

 

› As persoas traballadoras especialmente sensibles (TES) ao COVID-19 son as que están incluídas nos grupos vulnerables e ademais a valoración do seu posto de traballo determinou que existe un risco medio, alto ou moi alto en relación coa exposición ao SARSCoV-2. Non se terá en conta o risco baixo por ser similar ao comunitario. Estes casos deberán ser valorados polo persoal sanitario do Servizo de prevención de riscos laborais (SPRL), e de ser cualificados como especialmente sensibles, deberán propoñerse as medidas preventivas adecuadas para minimizar o risco no medio laboral (colectivas ou individuais, adaptación de tarefas, recolocación...). Se non se poden adoptar as medidas preventivas, o Médico do Traballo do SPRL emitirá un INFORME para o médico de atención primaria.

 

› O médico de atención primaria do SERGAS será quen poderá emitir a baixa e a alta laboral ao persoal traballador afectado polo coronavirus, tanto nas situacións de enfermidade, de illamiento preventivo e a outro persoal que o precise como é o caso dos especialmente sensibles sen posibilidade de adoptar as medidas preventivas adecuadas. Considérase unha situación asimilada a accidente de traballo para a prestación económica, pero a continxencia a cumprimentar será sempre de enfermidade común.